Monday 29 de April de 2024

O Concello prorroga o desconto do 50% no bus urbano ata final de ano


Asumirá novamente o 20% do custo na rebaixa das tarifas, necesario para obter a bonificación do 30% estatal

O prezo manterase en 0,38 euros por viaxe na tarifa xeral, en 0,12 euros na social e 0,15 euros por traxecto na universitaria

O Concello da Coruña manterá o 50% de desconto no bus urbano sobre o prezo das tarifas vixentes coa Millennium ata finais de ano. O Goberno de Inés Rey aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local Extraordinaria prorrogar a bonificación do 20% do custo na tarifa do autobús urbano, asumida polo Concello e necesaria para obter a bonificación do 30% estatal. “O Concello asumirá novamente o 20% do custo do billete de bus e os coruñeses e coruñesas seguirán pagando o prezo máis baixo en décadas” explicou a alcaldesa, Inés Rey. Coa aprobación da prórroga das bonificacións no transporte, o prezo do billete do bus urbano manterase en 0,38 euros por viaxe na tarifa xeral, en 0,12 euros na social e 0,15 euros por traxecto na universitaria ata o 31 de decembro de 2023.

A alcaldesa lembrou que noutras comunidades autónomas como Madrid ou Valencia, a administración autonómica viña asumindo ese custo adicional do 20% para completar a bonificación estatal ata o 50%. O Concello da Coruña trasladoulle á Xunta de Galicia esa solicitude en varias ocasións na anterior convocatoria a fin de contribuir a facilitar o acceso ao transporte público e para contribuír a aliviar a situacion económica das familias. “A Xunta de Galicia prorroga hoxe o seu desinterese pola mobilidade sostible mantendo a súa nula contribución ao transporte urbano da cidade” sinalou a alcaldesa.

Coa prórroga dos descontos, as persoas usuarias da tarxeta Millenium e da aplicación móbilcontinuarán pagando a metade do prezo do autobús tal e como viñan facendo desde o 1 de febreiro deste ano, logo de que o Concello aprobara por primeira vez esta bonificación.

No caso da tarifa universitaria, esta bonificación súmase ademáis á rebaixa do 60% acordada polo Concello coa Universidade da Coruña no curso pasado e que beneficia a case 12.000 estudantes universitarios. “Hoxe reafirmamos o noso compromiso coa mobilidade sostible e a política social, mantendo a rebaixa do prezo do autobús para facer máis accesible o seu uso nun momento económicamente complicado para moitas familias coruñesas” explicou a rexedora.
TARIFA CUSTO ANTES DA BONIFICACIÓN CUSTO CO DESCONTO PRORROGADO DIFERENCIA
Xeral                                                               0,75                                                                     0,38                  -0,61
Social                                                             0,23                                                                      0,12                   -0,11
Universitaria                                               0,30                                                                       0,15                   -0,15